Recuperar a ilusión

Democracia para gañar

Podemos naceu como un torrente de ilusión para recuperar as institucións secuestradas por unha casta que as poñía ao seu servizo. Esa ilusión uniunos ao redor dun proxecto que agora toca debater fraternalmente, e para iso necesitámonos todas e todos. E é que en poucos días decidimos como abordar a II Asemblea Cidadá Estatal de Podemos na que xuntas decidiremos o rumbo da mellor ferramenta democrática que temos para cambiar o noso País e como a deseñamos para non repetir vellos erros . Temos a obriga de construír unha organización madura, plural e descentralizada. O 15M ensinounos que só se constrúe unha maioría social capaz de recuperar as institucións a través de máis democracia.

Datados os tempos para a votación, toca preguntarnos polo inmediato: como se tomarán
esas decisións? Quen asina este manifesto apostamos por:

  • Votar primeiro as propostas e despois a quen nos representa. Sobre o debatedos proxectos para a Asemblea existen dúas opcións: ter un debate previo sobre a estratexia política e o modelo organizativo para logo elixir quen debe levala a cabo; ou ben votar aos cargos cos documentos nun mesmo paquete. Optamos pola primeira porque tras dous anos de présas merecemos un tempo de reflexión afastado de concursos de popularidade que limitan a voz da militancia. A nosa Asemblea non debe ser un combate de boxeo senón unha contraposición de ideas. Queremos discutir como gañar un país, non retarnos entre nós; non podemos permitirnos un partido no que se impida convivir diferentes modelos, a solución das discrepancias afástase moito do sometemento dun sobre outro. Vistalegre I tivo moitos defectos, pero polo menos respectou a separación entre ambos os debates: non nos podemos permitir tal involución democrática. Se no primeiro Vistalegre discutimos a votación por separado ou non dos documento Ético, Político e Organizativo, agora sería un grave retroceso reducir o debate a se os documentos van ter ou non un tempo propio para ser discutidos.
  • Maior proporcionalidade en todos os órganos para conseguir: máis pluralidade, listas abertas, igualdade de xénero en postos de responsabilidade e un equilibrio territorial adecuado á nosa proposta plurinacional.
  • Unha Comisión de Garantías independente e, por tanto, que conte dende o primeiro momento con autonomía orzamentaria. O procedemento require dende o inicio un procedemento de control para o respecto asegurado da decisión das inscritas.
  • Un censo aberto á participación cidadá que fomente a inscrición do maior número de persoas posible. Trátase de desbordar a organización e non encarcerar a potencia democrática que debemos demostrar nesta nova etapa. Escorrentemos ese medo á democracia propio dos de arriba. Unicamente o desborde popular pode garantir que a decisión sexa en interese da xente. Se queremos democracia participativa para o noso país, temos que tomar exemplo na nosa organización.
  • Un debate que antepoña as propostas permite unha participación máis rica e activa da militancia nos territorios, permite organizarse para pensar, debater, redactar e transaccionar. Podemos debe ser o reflexo do País que queremos. Non engaiolemos a discusión nos nomes, abramos o debate ás propostas . Só así conseguiremos a suficiente intelixencia política como para seguir avanzando. Por iso convidamos o conxunto das bases e á cidadanía a que se sume a este manifesto.

Con democracia gaña Podemos. Sen democracia perdemos Podemos.